Sunday 05 de May de 2024

As Xornadas de Ilustración Urbana volven ao Auditorio de Galicia ao abeiro do programa Compostela Ilustrada


A concelleira Míriam Louzao presentou esta mañá a programación coa coordinadora das xornadas Gemma Sesar

Do 9 ao 12 de novembro, o 6º Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela ilustrada reúne en Santiago debuxantes e artistas da ilustración nun intenso programa de obradoiros e clases maxistrais. Nese contexto, as Xornadas de Ilustración Urbana arrancan o venres 10 dúas tardes consecutivas de faladoiros con profesionais do eido para achegar á cidadanía o seu proceso creativo.

A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá dende o venres 10 ás 16.00 horas unha nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana, un programa de conferencias de acceso de balde da man de artistas do debuxo e a ilustración que se desenvolve no marco do 6ª Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela ilustrada.

A Concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao presentou esta mañá a programación nunha rolda de prensa na que tamén participou a coordinadora das xornadas Gemma Sesar. Louzao puxo en valor “este espazo de conversa que nos permitirá descubrir a maneira na que as e os artistas participantes enfrontan o seu desenvolver creativo e reparar na forza que o debuxo de caderno gañou nestes últimos anos e seu converteu, para moitas persoas, nun traballo que vai máis aló da afección”.

Gemma Sesar agradeceu ao Concello e a Deputación da Coruña o apoio a este encontro internacional de debuxantes “único na Península Ibérica e que é o segundo en importancia na contorna europea só despois de Clemond-Ferrand”. Sesar valorou como “un éxito rotundo” que as cen prazas dispoñibles para as actividades de Compostela Ilustrada dirixidas a artistas se esgotasen en apenas quince días e destacou a repercusión que o traballo destes profesionais ten na composición da imaxe internacional da cidade.

No marco deste encontro e baixo o lema ‘Un modo de vivir’ as Xornadas de Ilustración Urbana 2023 programan sete intervencións que se desenvolverán nas tardes do venres 10 e do sábado 11 con acceso de balde para toda a cidadanía. A pintora francesa Marion Rivolier será a encargada de abrir esta serie de conferencias cunha sesión que incluirá estrea en España de Frontière(s), unha curtametraxe que rexistrou o ciclo de obradoiros que o colectivo Urban sketchers de París desenvolveu no centro carcelario de Santé. A seguir, o ilustrador Federico Granell afondará na residencia artística que realizou en Siracusa e Lanzarote e o debuxante portugués Paulo J. Mendes explicará como a súa vida mudou a través do debuxo. O sábado será quenda para as intervencións da británica Lis Watkins que, alén de falar da importancia do debuxo na súa evolución, profundará no seu traballo enfocado en parques urbanos; e do artista Tazab, que compartirá as súas vivencias na residencia artística que realizou nas Illas Cíes. Nesa mesma tarde, o ilustrador catalán Lluïsot trasladará ao público a súa experiencia como debuxante caricaturesco e a deseñadora galega e muralista Iria Prol afondará tamén no seu proceso de traballo. No transcurso das dúas xornadas, Prol será a artista encargada de elaborar en directo un mural de 2×2 metros no corredor do Auditorio arredor da figura e a obra de Luisa Villalta.

Compostela Ilustrada

Ademais das Xornadas de Ilustración Urbana, abertas á cidadanía compostelá, o sexto Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada ofrece do 9 ao 12 de novembro actividades específicas para un cento de ilustradoras e ilustradores que esgotaron en xullo as prazas dispoñibles en 2023. Da man mestras e mestres como Marion Rivolier, Tazab, Lis Watkins, Lluïsot, Federico Granell, Paulo J. Mendes, Mónica Urrutia, Oniel Rodríguez, Montsino e Iria Prol, asistirán a obradoiros, clases maxistrais e sesión de debuxo en distintos puntos da cidade.